A finais da década dos 80 saía por primeira vez á rúa a Revista Galega de Educación (RGE), unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores e técnicos da educación en Galicia. A RGE nacía da man de Nova Escola Galega coa intención de contribuír e axudar a impulsar "un clima e unha mentalidade pedagóxicos propicios para acadar un sistema educativo público, galego, renovado e democrático", indican. Agora, e vinte e cinco anos despois facemos balance co seu director, Xesús Rodriguez.
Vinte e cinco anos traballando na revista permiten facer memoria. Era mellor ou peor a educación de entón?
É complicado facer comparacións, porque hai que situarse en coordenadas sociolóxicas e políticas diferentes. A verdade é que hai determinados ámbitos nos que é necesario recoñecer avances como a extensión da secundaria obrigatoria, a importancia que adquiriu nos últimos anos o período de cero a tres anos. Tamén hai unhas dotacións que, en comparación con hai vinte e cinco anos non ten nada que ver. Pero tamén houbo retrocesos...
Como cales?
Hai que ter en conta o escaso ou nulo avance noutras cuestións como a falta de compromiso serio e a pouca preocupación por parte da Administración pola formación inicial e permanente do profesorado. Hai unha falta de preocupación da calidade do ensino que quedou clara, por exemplo, co peche indiscriminado e sen base pedagóxica das escolas unitarias. Ademais, dun tempo a esta parte, hai unha aposta clarísima pola escola privada en deterioro do ensino público.
Dende a Revista Galega de Educación sempre amosaron unha clara preocupación pola presenza do galego no ensino, avanzouse neste eido?
A preocupación lingüística para nós, é fundamental, efectivamente. A verdade é que hoxe en día deberíamos estar nun proceso de resolución, de mirar cara adiante, buscar novos elementos de traballo, sinerxias. Pero non é así. Sempre dicimos que na revista parece que temos que estar dedicando moito máis espazo para falar das dificultades nos procesos de galeguización na escola, porque aínda se avanzou pouco nisto. Parece que segue habendo unha falta de aposta clara pola defensa da lingua galega no ensino.
Acaban de cumprir vinte e cinco anos analizando a situación educativa en Galicia, será doado continuar escribindo outros vinte e cinco máis da man da Revista Galega de Educación?
Bueno, aínda que observamos que hai que remar en contra, moitas veces, polos posicionamentos da Administración na actualidade, nós seguiremos como sempre loitando dende a revista para crear este espazo de debate, de opinión e dando voz a todos os proxectos de innovación educativa que están aí e que moitas veces son desecoñecidos. Apostamos por eles e seguiremos nesa liña .
Cantas persoas forman o equipo da revista?
Somos un equipo completo formado por unhas nove persoas no consello de redacción, unhas 24 no consello editorial e temos a incorporación do comité científico no que hai unhas 14 persoas de diferentes partes do mundo. Queremos afondar na educación nos distintos niveis de ensino e por iso contamos con representación de todos eles.
Espéranos algunha novidade nos vindeiros números?
Si, no seguinte falaremos dun tema que nos parece novidoso e necesario de estudo, como é a educación física. Continuaremos, ademais coas nosas seccións habituais de editorial, análise, novas tecnoloxías, escola rural, estudios, informes, sección de humor, entre outras.
Onde cre que está a clave para que se manteña o espíritu da publicación?
A clave está no esforzo titánico de equipo para esta iniciativa. Hai unha ilusión que se mantén intacta dende hai vinte e cinco anos, a pesar de que hai que loitar contra corrente. Pero todos temos unha crenza total da necesidade de facer este proxecto pedagóxico.
Compartir
santiagosiete no se hace responsable de los comentarios u opiniones
que los lectores de la publicación expresen en esta página web.












