
Nunha aposta pola solidariedade social, a concellaría de Participación Cidadá do Concello de Santiago de Compostela e Santiagosiete dan comezo á campaña NADAL SOLIDARIO de recollida de alimentos e xoguetes para ser doados a catro das entidades máis representativas na asistencia en Santiago de Compostela aos cidadáns máis desfavorecidos: a Cociña Económica, o Cottolengo, Cáritas Diocesana e o Albergue de Xoán XXIII.
‘Esquinas solidarias’
Todos os veciños e veciñas que queiran facer chegar a estas institucións toda clase de xoguetes e alimentos en bo estado non perecedeiros tales coma pastas, arroz, galletas, conservas, aceite, especias, froitos secos, legumes, botellas e latas, marmeladas, cereais, tetra bricks, doces, turróns, etc., atoparán unha serie de lugares na cidade, chamados ‘esquinas solidarias’, onde deixar a súa doazón.
Onde podo facer chegar a miña doazón?
A campaña da comezo con tres puntos de recollida:
1.- Santiagosiete (Rúa Amio Parcela 32. Polígono de Costa Vella. Teléfono: 981 938444)
2.- Casa das Asociacións (Antiga Estación de Cornes. Avda. de Vilagarcía 43. Teléfono: 981 542350)
3.- Grupo Isonor (Avda. de Lugo 145. Teléfono: 981 062590)
Ao longo da campaña agardamos porque moitas outras entidades, asociacións veciñais, estabelecimentos comerciais e empresas queiran contar cunha ‘esquina solidaria’.
4.- Area Central. (Polígono de Fontiñas s/n. Teléfono: 981560845)
Quenes son as institucións benéficas?
COTTOLENGO DO PAI ALEGRE. Atendido polas Servidoras de Xesús para servizo das mulleres enfermas incurables máis pobres, levan ofrecendo asistencia en Santiago de Compostela dende o 22 de xullo de 1951. A estas relixiosas no lles está permitido pedir esmola. Actualmente ofrecen espazo para algo menos de 60 mulleres –o Cottolengo compostelán non acepta homes- que atopan entre as súas paredes un dignísimo lugar onde pasar os últimos días das súas vidas rodeadas de cariño e paz. Na actualidade contan cunha decena de menores de idade enfermas e abandonadas.
Que reciben? No lles está permitido pedir, pero aceptan o que libremente doan as persoas: comida, roupa, diñeiro, mobles, etc.
Onde están? Rúa do Cottolengo 1-3. Teléfono: 981 590995
ALBERGUE DE XOÁN XXIII. Abriu as súas portas en 1971 como centro de acollida a peregrinos, pero ao pouco converteuse no que é a día de hoxe: un lugar temporal de descanso para os ‘sen teito’. Os seus usuarios poden pasar ata un máximo de sete noites no albergue, que é gratuíto. As súas instalacións na rúa de Xoán XXIII contan cunha treintena de camas para homes e mulleres, lavabos, roupeiro, lavandería e unha pequena cociña.
Que reciben? Doazóns económicas, roupa e calzado, roupa de baño e de cama, produtos de aseo persoal, roupa interior sen usar.
Onde están? Rúa dos Castiñeiros s/n. Teléfono: 981 581952
CÁRITAS DIOCESANA. É unha entidade de acción caritativa e social creada pola Conferencia Episcopal en 1947. Entre os seus obxectivos fundacionais destacan a axuda á promoción humana e ao desenvolvemento integral da dignidade de todas as persoas que se atopan en situación de precariedade e exclusión social. Asumen un triple compromiso na súa acción social: informar, denunciar e sensibilizar á opinión pública sobre as situacións de pobreza e vulnerabilidade, as súas causas, consecuencias e a posibilidade de participación no cambio.
Que reciben? Todo tipo de útiles que as persoas ás que asisten poidan necesitar: diñeiro, alimentos non perecedeiros, produtos de aseo e limpeza, roupa, calzado, xoguetes, libros, material escolar, etc.
Onde están? Carreira do Conde 14.
Teléfono: 981 581 542
COCIÑA ECONÓMICA. Cada día, uns 140 pobres aliméntanse no seu comedor da Praza de Irmán Gómez. Esta primaveira, o pai Precedo, presidente da Patroal da Cociña Económica daba a coñecer que nos últimos meses, o número de comensais incrementarase nun 50 por cento. Se ben o seu comedor ten capacidade para unhas 80 persoas, nos últimos tempos as relixiosas chegan a atender a unha media de 130-140 persoas. Ao longo dun mes, entre pequenos almorzos, xantares e ceas, as Irmás serven máis de 7.000 menús.
Que reciben? Todo tipo de comida, sexa fresca ou non perecedeira.
Onde están? Rúa Travesa 13.
Teléfono: 981 581028












